Non deixo de preguntarme cal é o problema que os partidos conservadores españois, nomeadamente o PP, teñen coa Lei da Memoria Histórica. ¿Alguén pode explicarme onde está a dignidade de que, logo de case 70 anos da fin da Guerra Civil, moitas das persoas que morreron nese conflito sigan soterradas xalundes, sen unha tumba que os acubille?
Fálase moito, se cadra demasiado, de que a Transición de 1977 trouxo a reconciliación entre os españois. En verdade esa reconciliación produciuse moito antes, seguramente a mediados dos anos 1960, cando o que máis compartían os españois entre eles era a idea que o franquismo era un réxime caduco e que, á primeira oportunidade, habería que construír unha democracia. Malia todo o proceso, levou case dúas décadas.
Construír a convivencia sempre é máis lento e difícil que destruíla. En 1977 o que se construíu foi un marco xurídico e vital no que desenvolver esa convivencia. Os políticos do momento opinaron que era mellor esquecer o pasado. Máis a sociedade nunca esqueceu. Bo proba diso é a inmensa literatura de todo tipo que se escribiu entorno a Guerra do 1936.
Non obstante, un veo de silencio cubriu as fosas dos represariados, dun bando e doutro, xa cubertas pola terra. Agora dísenos que abrir esas fosas, trasladar a tumbas máis dignas, os que foron mortos naquela contenda, destrúe o pacto de convivencia que a transición implantou. Non acabo de comprender como pode facer iso.
En primeiro lugar, o máis que nos pode traer escavar as tumbas e a memoria da barbarie que supuxeron os anos 1930 e a represión que seguiu á Guerra Civil. Lembrar para non caer nos mesmos erros: na cegueira ideolóxica, nos autoritarismos, na falta de respecto ao contrincante político, nas eleccións amañadas, no emprego partidario das institucións e das leis. Cómpre que teñamos sempre presente a terrible lección do 1936. Unha lección que se pagou con sangue, dor e bágoas.
En segundo lugar, xa é hora de que se rompan certos mitos sobre a Guerra Civil. A represión dos republicanos, socialistas, anarquistas e comunistas foi durísima, cruel e salvaxe. Durou décadas e alimentouse nunha retórica de vencedores e vencidos. Ninguén pode negar iso. Pero, tamén é preciso mirar nos erros, nos desmáns do lado republicano. A II República non foi o réxime exemplar que moitas veces se nons quere presentar. Tivo que enfrontar moitos problemas e dificultades e en lugar de solucionalos, acrecentounos, multiplicounos e xerou a abismo que acabou desintegrándoa.
Tamén os republicanos españois encheron as fosas de inimigos da España nacional e de rivais políticos do España republicana. Houbo checas, polícias secretas, xuízos sumarísimos, paseíños e toda esa merda. A II República foi un primeiro experimento democratizador e fracasou porque non comprendeu que os cambios non se impoñen a golpe de baioneta e de revolución. Que llo digan a Francisco Franco. Ese si que debe estar retorcéndose na súa tumba.
Abrir as fosas, enterrar dignamente os represariados, os soldados que morreron na fronte, é unha cuestión de dignidade democrática. Sen darmos ese paso, o peso da historia seguirá abafando a esta democracia. E a dereita conservadora, que tanto se opón a este proceso, debera decatarse de que cando todos os mortos da Guerra Civil repousen en paz, xa ningúen podera utilizar o argumento guerracivilista contra deles. Fáltalle ao PP, neste sentido, altura de miras. As dúas lexislaturas do ex-presidente Aznar foron unha ocasión perdida. Se daquela, o PP dende o goberno tivese iniciado este proceso todo tería sido máis harmónico, faríase dende o consenso e non podería ser utilizado nas tirapuxas e regueifas partidarias. Esas acusacións, e non as fosas, son as que envilecen a vida democrática española. Mágoa dos que non tiveron afouteza suficiente.